Con motivo da celebración dos seus 50 anos de nacemento, a Adega organizou un programa cheo de detalles en homenaxe aos viticultores e socios.
Agora si, xa podemos celebrar oficialmente as vodas de ouro de Viña Costeira. Cun acto por todo o alto, celebramos os 50 anos da adega rodeados dalgunhas das persoas artífices de semellante logro. O día estivo cheo de emoción, detalles de agradecemento e recoñecemento, e moitas sorpresas que fixeron da xornada algo máxico e irrepetible.
Tres esculturas no mirador de San Cibrao
Un dos momentos estrela dos actos programados foi a inauguración de tres estatuas de tres metros de alto e un de ancho, coma homenaxe á ilusión e ao esforzo dos viticultores, elaboradas polo recoñecido escultor ourensano Acisclo Manzano. Na súa presentación acompañáronnos, entre outras autoridades, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, alcaldes da comarca do Ribeiro e representación da Xunta Rectora da adega, ademais do propio escultor das obras.
O conxunto escultórico elaborado polo artista está ubicado no propio mirador de San Cibrao, onde se celebrou o acto. O resultado é realmente incrible, animámosvos a comprobalo de cerca!
Comida cos socios
Tralo acto institucional, a Carballeira de Santa Cruz acolleu unha comida homenaxe con tódolos socios. Preto de 900 persoas gozaron dunha celebración amenizada polos monólogos de Xosé Antonio Touriñán. Nas súas intervencións, o actor e humorista repasou a historia da adega, anécdotas e detalles misturados co seu característico humor.
Durante a comida, o conselleiro delegado de Viña Costeira, Andrés Rodríguez, exerceu de mestre de cerimonias, agradecendo o esforzo diario de tódolos socios durante estes 50 anos. Todos eles leváronse un pack coma lembranza e os máis afortunados varios regalos que se sortearon, coma viaxes a rexións vinícolas de La Rioja e Francia.
Documental 50 aniversario
Na comida, os socios puideron gozar do avance dun documental que Viña Costeira está a preparar cos mellores momentos destes 50 anos e testimonios de persoas moi vinculadas á adega, incluído no pack de agradecemento. Polo momento, presentouse un resumo de 10 minutos con fragmentos destacados como adianto á estrea oficial. Desfrutádeo aquí!
Campaña “Cambiou o concepto de etiqueta”
En paralelo á celebración do acto de Aniversario, Viña Costeira lanzou unha campaña publicitaria en múltiples formatos baseada no claim “Cambiou o concepto de etiqueta”, facendo referencia á nova etiqueta do Viña Costeira Ribeiro que tamén homenaxea aos viticultores.
Rexuvenecer o target da marca e incrementar o coñecemento de Viña Costeira son os dous principais obxectivos desta acción, que estará presente durante todo o verán en máis de 100 vaias publicitarias de Galicia, prensa rexional e local, autobuses, aeroportos e Redes Sociais.
Etiqueta atractiva e visible, reflexo de valores e futuro
Con ela, transmítense a esencia, valores e futuro da adega rompendo co tradicional xogo da dobre etiqueta e cun resultado gráfico de maior atractivo e visibilidade. O desexo da Adega é que o redeseño sexa unha mostra máis de agradecemento aos 600 socios viticultores que conseguiron chegar a cumprir 50 anos como adega de viño referente.