Cata a cegas
Durante os pasados 1 e 2 de Agosto, celebrouse unha cata a cegas nas instalacións da D.O. Ribeiro, na que o sommelier Ferrán Centelles, delegado de Jancis Robinson para os viños de España, catou 64 viños desta D.O.
Tras varios meses de espera, finalmente o artigo de valoración desta cata viu a luz cunha publicación accesible aos subscritores da prestixiosa web. Entre os numerosos viños presentados para o evento, estaba o noso Colección 68 Treixadura de 2015, que obtivo unha excelente valoración, sendo catalogado cunha puntuación de 17/20 e unha mención especial VGV.
Ademais desta excelente valoración, o propio Ferrán Centelles destacaba do noso Colección 68 a súa “magnífica definición e excelente vinificación, dando lugar a un estilo vívido e equilibrado“.
Esta noticia supón un gran éxito para a nosa adega, dada a relevancia que ten a crítica Jancis Robinson no mundo do viño, sendo membro do reducido grupo de persoas posuidoras do exclusivo título de “ Master of wine” e con máis de 40 anos de experiencia no sector. Un sector no que as súas opinións son escoitadas e respectadas, chegando a influír como prescriptora dun gran número de amantes do viño.