15 e 16 de Xullo
Os pasados días 15 e 16 de Xullo, Viña Costeira estivo presente no Grove e no Barco, participando en dous dos eventos máis significativos do verán dentro do mundo do viño en Galicia: O 4º Festival Ribeiro Son de Viño e a XX Edición da Feira do viño de Valdeorras.
O Festival Ribeiro Son de Viño, celebrado o día 15, reuniu durante toda a xornada do sábado a numeroso público que se achegou ao Náutico de San Vicente do Grove para gozar da súa marabillosa contorna, compartindo o viño das diferentes adegas do Ribeiro participantes cos concertos das bandas De Vacas, Sen Senra, Kings of the beach, Escuchando Elefantes e Malandrómeda. A combinación de viño, praia e concertos deu lugar a unha experiencia inigualable, sendo un éxito de participación e ofrecendo argumentos para esperar con ganas a edición de 2018.
A Feira do Viño de Valdeorras transcorreu durante o sábado 15 e domingo 16 no Barco. Os numerosos asistentes desafiaron a calor da xornada para asistir á praza de Viloira nun evento que camiña pola súa vixésima edición con paso firme, reunindo en cada convocatoria a un maior número de visitantes que gozan da promoción dos viños da D.O. Valdeorras. O evento, contaba unha vez máis coa VIII Cata oficial de Valdeorras, na que o noso Viña Costeira Mencía obtivo o 2º premio reforzando unha vez máis o traballo realizado pola adega na súa elaboración.
Dous eventos singulares e de promoción nos que Viña Costeira consolida a súa imaxe como referente das dúas denominacións de orixe nas que ten presenza: Ribeiro e Valdeorras.