Castrelo de Miño acollerá de novo a IV edición do Ribeiro Blues Wine Festival
O parque náutico de Castrelo de Miño acollerá de novo a IV edición do Ribeiro Blues Wine Festival, dando acomodo os días 11 e 12 de Agosto a 24 adegas e colleiteiros, entre as que estará Viña Costeira, e que participarán cos seus viños neste evento que transita con paso firme polo calendario de eventos veraniegos da nosa provincia.
Unha maridaxe de música, viño e gastronomía, que traerá á nosa comarca algunhas das mellores propostas nacionais e internacionais da música negra ou de raíces. Grupos como The Soul Water, Fatzilla ou Shirley Davies & The Silverbacks serán os encargados de amenizar unha xornada que contará coa máxica contorna de Castrelo como pano de fondo.
Con entrada gratuíta, a organización poñerá á venda tickets de 10€ para degustar os viños das diferentes adegas, entre as que estará presente de novo Viña Costeira. Tras un ano de paréntese, a nosa adega volve participar neste evento no que se poderán degustar o Viña Costeira Ribeiro, o Colección 68 Treixadura e o Modus Vivendi, mostrando unha vez máis a diversidade de produtos que se elaboran na cooperativa.